A veciñanza do barrio de Castelo convocan hoxe a partir das 19 horas unha mobilización para reclamar unha maior seguridade viaria na estrada da Fonsagrada.
A estrada da Fonsagrada conta cunha intensidade media diaria de 10.311 vehículos no seu punto de medida máis próximo ao barrio de Castelo. O barrio atópase dividido polo percorrido da vía, e conta cunha importante mobilización veciñal para reclamar melloras entre as que se atopa unha nova limitación de velocidade (pasando a 50 Km/h en lugar dos 70 Km/h actuais), a instalación de pasos de peóns nas paradas de bus para evitar que as persoas, especialmente as de avanzada idade ou con problemas de mobilidade teñan que cruzar unha estrada aberta ao tráfico ou a creación dunha beirarrúa que una a rúa San Eufrasio co Carqueixo, creando un itinerario peonil seguro.
As estradas de Portomarín e de Friol, malia que contan cunha mellor limitación da velocidade nos núcleos de poboación, teñen tamén deficiencias á hora de facilitar o acceso ás paradas de bus urbano. No caso da LU-612, só se atopa un paso de peóns ao comezo do percorrido, na intersección coa Estrada Vella de Santiago, dificultando o acceso das veciñas e veciños dos núcleos de Piúgos e da contorna ás paradas de bus. Trátase de pasos de peóns moi reclamados pola veciñanza, dado que se trata dunha zona con numerosa poboación. A LU-232 non conta con ningún paso de peóns, malia que esta estrada conta con cruzamentos do Camiño Primitivo.