O plan de tráfico alternativo deseñado para acoller a saída da decimo terceira etapa de la Vuelta Ciclista a España 2024 suporá cambios de sentido, cortes de circulación e restricións de estacionamento en ata unha vintena de rúas, prazas e avenidas, principalmente na contorna da Horta do Seminario, praza desde a que o pelotón ciclista tomará a saída neutralizada. Para que a saída cumpra coas necesidades da proba o Concello deseñou un plan de tráfico alternativo, que, nalgunhas das súas medidas, entrará en vigor na madrugada do mércores ao xoves, e que estará vixente ata pasadas as 18.00 horas do día da etapa lucense, o venres día 30.
As primeiras medidas que terán que ter en conta os lucenses afectarán á liberación de zonas de estacionamento en varias rúas da cidade, unha medida que deberá ser efectiva desde a media noite do mércores ata o día da etapa ás 18.00 horas.
Así, prohibirase o aparcamento nas avenidas Ramón Ferreiro, desde a rúa Salvador de Madariaga á Glorieta Xaquín Lorenzo; Rodríguez Mourelo, en ambos sentidos de circulación e en ambas marxes da calzada; avenida Alcalde Anxo López Pérez; e rúas Cidade de Vigo e Armando Durán. Estas tres vías deberán quedar liberadas tamén dende a media noite do mércores, co obxectivo de habilitar o dobre sentido de circulación para darlles saída pola rúa Cidade de Vigo.
Durante toda a xornada do venres a caravana da volta necesitará varios espazos libres, polo que prohibirase o aparcamento desde a media noite do xoves ata as 18.00 horas do día 30, na avenida Ramón Ferreiro, dende a rúa Salvador de Madariaga á rúa Cornubia e Fonte do Rei; rúa Celso Emilio Ferreiro, rúa Vilalba e aparcamento do edificio administrativo do Seminario.
A montaxe da infraestrutura que require unha proba deportiva destas características, tanto para a liña de saída, control de firmas, como o resto do percorrido pola cidade, precisa a ocupación de diferentes espazos, polo que xa desde primeira hora da mañá do xoves 29, deberán quedar baleiros os treitos das rúas e das avenidas xa mencionadas para empregalos como parking de equipos, prensa, organización e caravana publicitaria. Pola tarde, chegarán os camións e a infraestrutura de saída da volta e se procederá ao montaxe dos sets e á colocación da valos para acoutar espazos reservados.
O venres, a montaxe da engrenaxe desta proba comezará ás 06.30 da madrugada, e ao longo da mañá chegará a caravana publicitaria e se desenvolverán as montaxes dos espazos de control de firmas, saída da carreira, neutralizada e arcos de saída. O desmontaxe da zona de saída non comezará ata despois das 16.15 horas.
Cortes ao tráfico rodado
Dende as 17:00 horas do xoves 29, ata as 18:00 horas do venres 30 de Agosto estarán cortadas as avenidas Ramón Ferreiro, dende a rúa Salvador de Madariaga a Glorieta Xaquín Lorenzo, e a avenida Rodríguez Mourelo. Ditos cortes afectarán ás vías próximas tendo que facer cambios nas súas configuracións. A esta circunstancia sumase o corte de rúa Cidade de Viveiro por mor de obras municipais iniciadas con anterioridade. Así as rúas Santiago, Ronda da Muralla, Armando Durán, avenida Alcalde Anxo López Pérez e rúa Cidade de Vigo, cambiarán a súa configuración e sentidos de circulación da seguinte maneira:
Rúa Santiago: Esta vía, ao estar cortada a avenida Ramón Ferreiro e a rúa Cidade de Viveiro por mor de obras municipais, pasará a ser dende o xoves 29 ás 17:00 horas de sentido único de baixada, no tramo comprendido entre a Ronda da Muralla e a avenida da República Arxentina.
Rúa Armando Durán: Ao non ter saída os vehículos dende Praza de Avilés, a rúa Armando Durán, como se fai nas festas patronais, sinalizarase para que o acceso dos residentes, vehículos autorizados e de carga e descarga se realice pola rúa Pintor Corredoira. As prazas de estacionamento estarán reservadas para facilitar de forma eventual a circulación en ambos sentidos de circulación.
Ronda da Muralla: Terá un corte de tráfico á altura da rúa Santiago. Desviarase todo o tráfico da ronda pola rúa Santiago a excepción dos residentes das vías Ronda da Muralla, Vilalba e Carril dos Loureiros, permitíndose o acceso a estes e a vehículos autorizados. Neste senso cambiarase o sentido de circulación de Carril dos Loureiros, tendo que saír os residentes destas tres rúas obrigatoriamente polas rúas Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo. Do mesmo xeito, na Ronda da Muralla, para acadar unha correcta sinalización da reducción de carrís e canalización do tráfico cara á rúa Santiago, disporanse adicionalmente de varios valos con sinalización.
Alcalde Anxo López Pérez e rúa Cidade de Vigo: a avenida Alcalde Anxo López Pérez non terá saída por Ramón Ferreiro. Así, Anxo López Pérez e Cidade de Vigo establécense en dobre sentido de circulación para facilitar o acceso de vehículos con destino ao aparcadoiro da praza da Constitución, ao aparcadoiro do edificio administrativo do Seminario, residentes con praza de garaxe, taxis e carga e descarga. Para iso prohibirase o estacionamento en batería do lado do muro da estación de autobuses e na avenida Anxo López Pérez. A Praza da Constitución, pola súa banda, sufrirá cambios no seu ordenamento para facilitar a entrada e saída de vehículos despois dos cambios realizados na rúa Cidade de Vigo.
Novas restricións para o venres
Todos estes cortes e variacións na circulación e acceso de vehículos estarán vixentes durante a xornada do venres, un día no que se farán efectivos novas restricións, dende primeira hora da mañá ás 18.00 horas. Así haberá cortes en varios puntos das rúas afectadas polos diferentes percorridos da proba, como son avenida Ramón Ferreiro, dende Salvador de Madariaga a rúa Cornubia e Praza do Rei, rúa Celso Emilio Ferreiro, rúa Vilalba, Avenida Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, rúa Santiago. Non obstante, dentro dos cortes de tráfico sinalados, e eventualmente na avenida Ramón Ferreiro habilitarase o paso e cruce de vehículos, controlado por axentes municipais, na rúa Marina Española.
Ademais, haberá outras actuacións de cara á realización da etapa e ao paso de vehículos e ciclistas pola Ronda da Muralla, como para o tránsito de vehículos de residentes no barrio de Recatelo. Neste sentido, programouse a retirada temporal dos bolardos de zonas peonís, existentes na esquina da Ronda da Muralla coa rúa Bispo Aguirre, e o situado entre as rúas Isaac Díaz Pardo e Recatelo.