Na reunión da Comisión de Despoboamento e Reto Demográfico celebrada hoxe no Senado, César Mogo, senador por Lugo, emendou unha moción do PP, establecendo, a necesidade de que as administracións colaboren con iniciativas concretas para frear a caída de poboación na provincia. Ao aceptarse esta proposta que inclúe á Xunta de Galicia. A Moción foi aprobada pola cámara.
“Desde que goberna Núñez Feijóo a catástrofe demográfica da provincia de Lugo segue agravándose. Precisamente 2010, ao pouco de chegar ao Goberno da Xunta, foi o último ano de crecemento de poboación en Galicia. A partir desa data, ano tras ano, só houbo perdidas. Nos últimos 10 anos, 28 comarcas reduciron a súa poboación máis do 15% e a Xunta optou por seguir mirando para outro lado con iniciativas baleiras de contido, desconectadas da realidade de Galicia, coma se nada pasase ou o que pasase fose pouco importante. Estamos ante un fracaso das políticas públicas de Feijóo e a Xunta para frear o despoboamento e recuperar os nosos municipios”, explicou Mogo.
O senador por Lugo, defendeu na Comisión que o PP e a Xunta deben “deixarse de políticas de campanario que anuncian moito pero non fan nada porque carecen de contido. Lugo está entre as 11 provincias que conforman o núcleo duro da España despoboada; as que perderon máis poboación, teñen menos densidade de habitantes por Km cadrado e cunha poboación máis envellecida. Unha realidade á que non se lle pode dar as costas. O PP leva
gobernando 34 anos en Galicia, algo terá que ver co que sucedeu. Estamos ante o pésimo resultado da súa política en relación coa poboación, e o que agora non pode pretender é que o Goberno central asuma en solitario a responsabilidade de saír dela mentres a Xunta permanece sumida na pasividade, sen facer nada, mirando como Don Tancredo”.