A alcaldesa electa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, presidiu esta mañá o acto de presentación da marca Faba Verdina de Galicia, no que estivo acompañada por Alfonso Cartoy, produtor de faba e impulsor do proxecto, e Zoila Gulín, asesora en Propiedade Industrial.
A marca Faba Verdina de Galicia nace coa fin de garantir a orixe galega do produto e a profesionalidade dos produtores, e conta no seu nacemento co apoio e xestión do Concello de Mondoñedo, que busca deste xeito
impulsar o sector primario do municipio e da Mariña en xeral apoiando proxectos que reforcen a imaxe dos produtos agroalimentarios e sirvan de apoio para impulsar a súa promoción e xusta comercialización.
Dentro de Galicia, a zona da Mariña é unha zona de referencia na produción deste tipo de fabas, debido á idoneidade do solo e a climatoloxía. A produción iníciase nos meses de abril/maio e chegan ao mercado no outono, onde son moi apreciadas polas súas características (tamaño, cor, untuosidade), moi empregadas para pratos de culler e habitualmente acompañadas de marisco, polo que tamén reciben o nome de ‘fabas de marisco’.