Mondoñedo contará cunha nova edición do coworking da Mariña

O Centro Comarcal de Mondoñedo acolleu esta tarde a presentación dos proxectos impulsados na terceira edición do coworking da Mariña lucense impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI), na que 33 emprendedores recibiron formación e asesoramento á medida para o desenvolvemento dun total de 22 proxectos empresariais. A alcaldesa mindoniense, Elena Candia, avanzou na súa intervención que Mondoñedo acollerá a partir de xaneiro unha nova edición do coworking da Mariña lucense, en concreto a cuarta, tal e como lle confirmaron desde o Igape e a EOI.

A rexedora explicou que solicitarán que se identifique ao Concello de Mondoñedo como administración colaboradora atendendo ao coidado que se fai do emprendemento e ao impulso dun modelo que funciona, á vista dos resultados. Os novos empresarios da terceira edición optaron pola oferta de servizos en diferentes ámbitos de actividade, como os relacionados coa valorización de recursos do territorio, o turismo e a hostalería; o uso das TIC en agricultura, seguridade ou fotografía; a asistencia e a conciliación familiar, laboral e persoal, e a fisioterapia; así como pola oferta de novos produtos do sector do transporte, o agroalimentario e a artesanía, entre outros.

Nas tres convocatorias da aceleradora da Mariña lucense levan participado ata o momento máis de 80 emprendedores con 65 proxectos, dos cales preto do 60% iniciaron a súa actividade empresarial. A iniciativa forma parte da rede coworking creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), para favorecer o desenvolvemento de plans empresariais e a creación de emprego sobre o territorio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com