A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, deu a coñecer hoxe as bases reguladoras para a creación dunha bolsa municipal de locais comerciais e sen actividade, que someterán a consideración do Pleno na vindeira sesión.
Esta iniciativa, á que animan a facer achegas, é unha proposta de rexeneración do corazón histórico do Concello, que xorde coa finalidade de impulsar o desenvolvemento dunha política municipal de dinamización económica e social, a través da implementación dunha serie de medidas a curto e medio prazo relacionadas coa industria e a innovación, a consolidación do tecido empresarial, a xestión da facenda pública e do urbanismo e a potenciación dos sectores produtivos do concello, todo isto co fin de revitalizar a xeración de emprego e a actividade económica.
A rexedora precisa que o obxectivo do proxecto é que o Goberno local actúe como intermediario para fomentar a dinamización no casco urbano, dando así seguridade aos propietarios. Elena Candia afirma que con este proxecto “quérese ratificar o firme compromiso de facer de Mondoñedo un concello máis cohesionado, integrado e sustentable, que vela polo patrimonio cultural e artístico, pero que á vez xera novas oportunidades sociais e económicas para un crecemento innovador e integrador”.
O impulso e rexeneración do corazón do concello, segundo afirmou a rexedora, actuará como eixo dinamizador de toda a trama urbana, fomentando a actividade económica, social e turística da zona centro e propiciando a súa reactivación de xeito cohesionado e compacto.
A finalidade deste proxecto é que os propietarios de locais comerciais que se atopan sen actividade e en desuso e queiran alugar o seu local utilicen este servizo e que á súa vez, os emprendedores que queiran crear unha empresa ou empresarios que necesiten un local para o seu negocio dispoñan de información destes locais baleiros para o seu aluguer.