O concello de Mondoñedo expón os seus recursos e infraestruturas turísticas a operadores, editoriais e bloggers de referencia no sector turístico co fin de posicionarse como final de etapa do Camiño Norte.
A alcaldesa, Elena Candia, e o tenente de alcalde, Manuel Otero, recibiron esta mañá na Casa do Concello a diferentes operadores, editoriais e bloggers de referencia no sector turístico, que ao longo da xornada de hoxe están a visitar diversos puntos de interese da Cidade.
Así, a alcaldesa destacou a importancia desta visita que “é un exemplo máis do gran valor turístico co que conta Mondoñedo e que suscita o interese dos profesionais do sector, os cales son os que mellor poden dar a coñecer a nosa Cidade”.
Neste senso, esta visita significa, ademais, unha toma de contacto para sentar as bases de colaboración e traballo de cara a accións e actividades a desenvolver nos vindeiros meses.
Candia, tamén, fixo fincapé na labor que se está a facer desde o Concello para promocionar Mondoñedo xa que conta cun “importante potencial turístico avalado polo noso patrimonio cultural, natural, artístico e arquitectónico”.
Agradecementos
Durante a súa intervención, a alcaldesa tivo palabras de agradecemento para os operadores, editoriais e bloggers polo seu interese por coñecer a Cidade e pola labor que están a facer para promocionala. Tamén, aproveitou para desexarlles unha feliz xornada nun entorno de inmensa beleza.
As empresas do sector que acudiron na xornada de hoxe a visitar Mondoñedo son Tee Travel, EuropaMundi, GaliWonders, Editorial Buen Camino, EnfocaGalicia, GaliciaMola e Turigrino.
Nesta xornada, estes profesionais do sector turístico visitaron, durante a mañá, o Centro Cultural de Alcántara, o Centro de Interpretación do Camiño Norte de Santiago, o Taller de Serigrafía, e o Alfar e o Taller de Cantería no Barrio de Os Muíños. Xa a mediodía, gozarán dun xantar de produtos típicos de Mondoñedo na Horta da Paula. E, para rematar a xornada, visitarán a Cova do Rei Cintolo, a Praza da Catedral e a Catedral Basílica da Asunción.