Mondoñedo recupera un inmoble que se destinará á divulgación da arquitectura local

O concello de Mondoñedo, por medio da súa alcaldesa Elena Candia, ven de asinar un convenio de colaboración coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, destinado a recuperar un edificio da rúa Matadero 1 desta vila, co obxectivo de destinalo á divulgación da arquitectura local e ao fomento da rehabilitación da mesma.

 En presenza do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a titular da consellería e a alcaldesa rubricaron un acordo polo que, en primeiro lugar, a Xunta cédelle ao Concello de Mondoñedo o inmoble. Ademais, o Goberno galego comprométese a achegar 42.000 euros á Administración local, que deberá executar as obras que sexan necesarias para a rehabilitación deste inmoble, que suporá a consolidación dos elementos estruturais, a renovación da cuberta e a limpeza e acondicionamento das fachadas e do seu entorno, con respecto das características construtivas orixinais.

 O inmoble será destinado á realización das actividades relacionadas coa conservación do patrimonio cultural e da difusión dos valores da arquitectura mindoniense, a difusión e promoción de programas e actuacións de rehabilitación de vivendas, a rexeneración e renovación urbanas, a mellora da calidade e sostibilidade das edificacións, especialmente no referido á mellora da eficiencia enerxética das vivendas, e a realización de actuacións de formación de técnicos e axentes que interveñen nas actuacións relacionadas coa renovación urbana e a rehabilitación de edificios e a súa difusión.

 Este acordo manterase ata finais deste ano, coa posibilidade de prorrogalo un ano máis, mediante acordo expreso das partes adoptado con, polo menos, dous meses de antelación á data de finalización. A cesión do inmoble xa foi autorizada polo Consello da Xunta no pasado mes de febreiro.

 Xunta está a traballar tamén na rehabilitación de dúas vivendas no mindoniense barrio dos Muíños, emprazadas na Praza dos Muíños de Arriba números 26 e  28. Os proxectos xa están aprobados tecnicamente e contarán cun investimento próximo aos 500.000 euros.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com