O Concello de Mondoñedo reforza a súa Oficina de Turismo coa contratación dun técnico de información turística ao abeiro dunha subvención da Xunta de Galicia, que realizará labores de difusión e promoción turística ata o vindeiro 15 de setembro, o que permitirá ofrecer unha mellor resposta ao visitante durante os meses de maior afluencia de turistas.
Deste xeito, o Goberno local continúa a potenciar a oficina de turismo, que está aberta durante todo o ano de domingo a luns, sendo unha das de referencia da Mariña. Reforzouse xa no ano 2016 ademais de cun contrato a tempo completo para o verán, cunha persoa a tempo parcial para todo o ano. E desde marzo de 2017 o Concello contratou, -a través do plan de emprego do Executivo Provincial, DepuEmprego-, a unha axente de desenvolvemento turístico coa acreditación de Guía Oficial de Turismo, que ademais de prestar atención ao público, traballa nas labores de xestión de promoción do destino.
A alcaldesa da localidade, Elena Candia, tamén anunciou que dende o Concello se continúan a poñer en marcha accións dirixidas a promocionar os recursos locais. Así, a rexedora explicou que se “están a facer visitas a todos os hoteis da zona para dar a coñecer os nosos recursos como son a Cova do Rei Cintolo, a Catedral e mesmo os talleres de artesanía dos Muíños, entre moitos outros potenciais”. Ademais, engadiu, “estamos implicados co sector e neste senso estamos en contacto cos titulares das vivendas para uso turístico”.
Deste xeito, o Goberno que preside Elena Candia continúa a desenvolver accións no eido turístico, sendo un dos eixos fundamentais da actual xestión turística do Concello, “a comunicación de destino para dar a coñecer Mondoñedo como destino esencial da oferta turística en Galicia”, explica a rexedora.