O Concello de Mondoñedo subvenciona a implantación de actividade económica no parque empresarial ata o 21 de xullo. Así, o Executivo deseñou unha nova liña de subvencións en materia de fomento da implantación empresarial co obxectivo de apoiar a dinamización económica do municipio e o impulso das actividades empresariais.
A maiores, Suelo Empresarial del Atlántico vén de publicar unhas bases polas que se rexerá a adxudicación de concesión de dereito de superficie con opción de compra en seis das parcelas da súa propiedade no parque empresarial de Mondoñedo. A data límite para presentar ofertas é o 14 de setembro. O prazo de vixencia do dereito de superficie é de 30 anos, despois reverterán de novo en Suelo Empresarial del Atlántico. Concédeselle ao superficiario un dereito de opción de compra gratuíto sobre a parcela durante os 5 primeiros anos, podendo prorrogarse durante outros cinco e descontarase o 40% das contías satisfeitas en concepto de canon.
Tal e como explica a rexedora, Elena Candia, o Concello de Mondoñedo ten como obxectivo a rexeneración do actual tecido produtivo, así como a colaboración na consolidación de actividades existentes e posta en marcha doutras novas que dean resposta ás necesidades da sociedade actual e que resulten competitivas no marco económico existente. En particular, precisa, “para este Concello resulta prioritario o fomento do mantemento e consolidación das actividades existentes e a captación de novas iniciativas empresarias que se apoien para o desenvolvemento da súa actividade en recursos endóxenos do municipio”.
As bases reguladoras de subvencións para o fomento da implantación empresarial no parque empresarial de Mondoñedo fixan ata o 21 de xullo o prazo para solicitar as axudas en réxime de concorrencia non competitiva. Trátase de axudas de carácter plurianual a diferentes sectores do ámbito empresarial local que teñen por finalidade fomentar o mantemento e consolidación de actividades empresariais existentes e a creación de novas empresas ou negocios.