O Concello de Mondoñedo levará ao pleno do próximo mes de febreiro as bases reguladoras do bono infantil, consistente na creación de axudas económicas dirixidas a familias residentes e empadroadas no municipio, cuxos nenos ou nenas non teñan praza na escola infantil.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explica que a ordenanza que “prevemos aprobar na próxima sesión plenaria regula a posta en marcha dunhas bolsas para o pago de servizos especializados de atención a nenos e nenas”, é dicir, matiza a rexedora, “dende o Concello subvencionaremos o custo que supón o coidado dos nenos e nenas axudando no abono das facturas que os pais deben afrontar polo coidado dos seus fillos”.
Neste eido, Candia lembra que no municipio existe un centro que presta estes servizos de conciliación da vida familiar e laboral, posto en marcha por tres mozas emprendedores. Así, engade a popular, “a axuda tamén permitirá que sexan máis competitivas na prestación destes servizos”.
O obxectivo deste bono infantil é o de proporcionar, segundo explica Candia, “oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral”. Así, a rexedora analiza que o descenso de poboación e do índice de natalidade “é unha constante neste Concello, polo que unha das medidas que se consideran importantes é por en marcha o fomento de axudas para que as unidades familiares que vivan en Mondoñedo poidan conciliar a súa vida laboral e familiar do xeito mais axeitado posible”.