Monforte inaugura ‘A memoria do son’, con instrumentos e arquivos do Centrad

Monforte acolleu onte a inauguración da mostra A memoria do son, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad). O deputado provincial, Efrén Castro, e o director da Colección de Instrumentos e comisario da exposición, Luciano Pérez, realizaron a presentación na Casa da Cultura
Poeta Lois Pereiro.

Tras o seu paso polo Museo da Catedral de Compostela, onde recibiu máis de 55.000 visitantes, e o Antigo Cárcere de Sarria, a mostra chega á localidade monfortina co fin de dar a coñecer pezas únicas que se poñen
a disposición do público grazas aos traballos de investigación  e recuperación desenvolvidos desde o centro provincial a partir da iconografía medieval.

A exposición, que reúne parte destes fondos nun formato adaptado á itinerancia e á experimentación por parte das persoas que a visiten, está concibida para ampliar o coñecemento do patrimonio musical, incluíndo unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez, ou dos datos recollidos en documentos literarios e históricos.

Os fondos instrumentais complétanse con melodías accesibles, a través de códigos QR, proporcionando a oportunidade de escoitar o son de cada un deles. Tamén inclúe propostas interactivas, como unha salterio no que as persoas visitantes poderán interpretar melodías de cantigas de Afondo X e  Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado-  que incorporan os contidos da exposición de forma lúcida.

No acto de presentación, o deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, puxo de relevo “a grande proxección dunha mostra itinerante que pasará por varios destinos da provincia despois da súa inauguración en Compostela, lugar onde a colección e o traballo do Centrad foi recoñecido internacionalmente”. Neste senso, augurou “unha grande aceptación nun lugar como Monforte, achegando á veciñanza pezas únicas que integran un traballo documental de investigación cunha clara vontade divulgadora e didáctica, que sitúa ao Centro de Artesanía unha vez máis como un referente no estudo e reprodución de instrumentos medievais”.

Pola súa banda, o director da Colección de Instrumentos Musicais do Centrad e comisario do proxecto “A memoria do son”, Luciano Pérez, incidiu na democratización da cultura e desta mostra en concreto, “accesible a todo tipo de públicos: non especialista, universitario, músicos, artesáns e investigadores. Ás persoas docentes permítelles traballar diferentes competencias, desenvolvendo a un tempo valores e sentimentos de pertenza, e ao alumnado proporciónalle unha serie de ferramentas moi útiles desde primaria ata a universidade, espertando, por outra parte, o pequeno investigador que todos levamos dentro”.

Ademais, a exposición conta cun catálogo traducido en catro idiomas, editado en papel pero tamén dispoñible para descargar, en formato pdf, na páxina web do Centro de Artesanía e Deseño.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com