Un home de 40 anos faleceu a pasada noite tras caer ao mar mentres recollía auga en Ribadeo. O suceso ocurriu pouco despois das sete da tarde de onte cando a familia se decatou da demora do home que saíra había tres horas a coller auga do mar, polo que se puxeron en contacto co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia co fin de iniciar a súa busca.
Dese xeito, activouse un operativo composto por efectivos e recursos por mar e aire que peinaron o acantilado de Piñeira, en Ribadeo, onde a vítima tiña estacionado o seu vehículo.
Os primeiros en chegar á zona foron os voluntarios de Protección Civil da localidade que xa localizaron o corpo sen vida do home para cuxo rescate foron necesarios medios aéreos. Así, ata o lugar se desprazou un equipo de Salvamento que sacou o corpo da auga e o trasladou a terra.
O suceso causou unha forte conmoción na familia, polo que desde o 112 Galicia púxose en alerta ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, que mobilizou a dous profesionais a Ribadeo para o acompañamento e atención especializada dos familiares da vítima.