Morre “A Pipa”, de Becerreá

Cada vez que se abre  unha fiestra cultural, é un sinal de vida e de progreso, do mesmo xeito que cando unha iniciativa cultural morre, é un sinal de pobreza, de atraso, de paso atrás. Algo así ven de ocorrer en Becerreá, se efectivamente se confirma a morte de A Pipa, despois de vinte seis anos de existencia.

Souben ao comezo dos anos noventa, dunha iniciativa nun concello da montaña lucense, Becerreá, onde uns mozos capitaneados por Alfonso Becerra, un rapaciño daquela con inquedanzas culturais especialmente centradas no teatro, que organizaban anualmente unha noite poética, despois de convocar cadanseu  concurso de poesía, entregando os premios nesa noite coa participación e respaldo de escritores galegos consagrados.

Aínda vivindo e traballando fóra de Becerreá, Alfonso Becerra, cun grupo de rapaces daquel concello, seguiu ano tras ano organizando, pedindo nas institucións, convocando o certame, contactando con escritores, desenvolvendo un labor de impulsión cultural no rural, sempre máis complexo que en calquera cidade.

E pasaron vinte seis anos, e o mundo deu moitas voltas en este tempo, de xeito que os organizadores cansan, as axudas sufriron recortes brutais coa malfadada crise que segue apertándonos, as administracións complican cada vez máis a solicitude de subvencións, concesión e xustificación, de maneira que ás veces as asociacións culturais deciden non concorrer ás convocatorias de axudas polas dificultades que plantean, entre as que destaca que se se plantea un orzamento determinado, e sobre el se concede unha axuda mínima, a asociación ten que xustificar o investimento orixinal, e ás veces resulta imposible.

En definitiva, que A Pipa, morre despois de vinte seis anos de vida potente e incisiva no mundo das letras, aínda que ocorrera como case sempre que a iniciativa, o traballo, a participación, corresponde a unha minoría preocupada dentro dunha poboación que pasa do que acontece no seu seo, pero con iso xa contamos a priori no mundo da cultura, porque parece o signo dos tempos.

Dóeme, e doe a todos os que tiveron algunha relación con esta iniciativa, que A Pipa morra, e con ela un certame literario e unha noite poética. É unha mala noticia, sinal de pobreza, de atraso, de paso atrás.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com