Un home faleceu esta tarde en Pol mentres retiraba broza da súa finca. Foi localizado, tendido no chan, pola súa dona, que saíu a pedir axuda. Polo momento, descoñécense as causas do falecemento, aínda que barallan a posibilidade de que o home fose golpeado por unha árbore ao caer.
O sinistro tivo lugar ás 15:30 horas de hoxe no lugar de Vilamide, no concello lucense de Pol. Casualmente, uns membros das brigadas forestais da zona pasaban por alí e botaron unha man á muller. Chamaron ao 112 Galicia e pediron asistencia médica urxente para o señor.
Os profesionais de Urxencias Médicas, alertados polo persoal do 112, acudiron ao lugar e pouco despois confirmaron o falecemento do home. Ademais dos servizos sanitarios, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos axentes da Garda Civil.