Dez minutos despois das 15 horas, un particular alertou ao 112 Galicia de que acababan de rescatar a un home do río. Estaban no embarcadoiro de Belesar, localizado na parroquia da Sariña e, segundo continuou explicando o alertador, o implicado permanecía inconsciente.
Os xestores do 112 Galicia trasladaron esta información aos equipos de intervención: Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil e os Bombeiros e os axentes da Policía Local de Chantada desprazáronse ata o embarcadoiro. Tamén se informou á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Pola súa parte, os servizos sanitarios mobilizaron ao seu persoal a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense.
Malia os intentos por reanimar ao home, finalmente confirmouse o seu falecemento no lugar dos feitos.