Un home que conducía un camión formigoneira faleceu na Pontenova despois de que o vehículo rematase envorcado contra un talude. O accidente ocorreu no lugar do Vilar das Pedras, en Rececende.
Debido ao forte impacto, o condutor tivo que ser excarcerado polos Bombeiros de Barreiros, ao quedar atrapado no interior do camión. Ademais, a causa da gravidade do accidente, o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou ata o punto o helicóptero medicalizado con base en Ourense.
Foi o persoal sanitario quen alertaba do ocorrido ao 112 Galicia pasados uns minutos das 16:15 horas. A partir de aí, desde o 112 Galicia se informou á Garda Civil de Tráfico, ao GES da Pontenova, aos Bombeiros de Barreiros e a Protección Civil.
Xa liberado o camioneiro polos membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Barreiros, os efectivos sanitarios tan só puideron confirmar o seu falecemento.