Un particular chamou ao 112 Galicia preto das 14:00 horas de hoxe para informar dun accidente nunha finca. Segundo indicaba na súa chamada, un home quedara debaixo do seu tractor logo de envorcar con el. O alertador explicaba durante a súa comunicación co 112 Galicia que a vítima podía haber falecido.
Sen agardar, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizouse ata o camiño da Costa, no barrio de San Fiz, onde tivo lugar o suceso. Os Bombeiros de Lugo, Policía Nacional e Local e Garda Civil de Lugo tamén tiveron coñecemento do accidente logo de ser informados polos xestores do 112 Galicia.
Trala súa chegada, as urxencias sanitarias só puideron confirmar o falecemento da vítima. Os Bombeiros de Lugo tamén se desprazaron despois de ser solicitados pola Policía Nacional para poder recuperar o corpo da persoa, xa que se atopaba nunha zona cun desnivel importante.