Unha muller faleceu e un home resultou ferido na mañá de hoxe ao sufrir unha saída de vía co vehículo que viaxaban ao circular pola N-120, na estrada que une as localidades de Monforte e Quiroga, na provincia de Lugo.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos tras recibir a chamada de alerta dunha persoa particular cando estaban a piques de dar as once horas. Segundo a información facilitada pola testemuña do sinistro, o coche saíuse da vía e chocou contra unha das barreiras de seguridade da estrada.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Monforte de Lemos e dos membros do GES de Quiroga. Debido á gravidade das lesións sufridas polos ocupantes do turismo, o equipo médico comunicou a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense.
Unha vez no punto, os equipos de emerxencia confirmaron ao 112 que o condutor do vehículo puido abandonalo polo seus propios medios pero, desafortunadamente, a outra ocupante resultou falecida.
Cómpre sinalar que os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico para garantir as condicións de seguridade na vía. Igualmente, pasouse aviso aos efectivos de protección Civil de Quiroga e do servizo de mantemento das estradas por se fose necesaria a súa colaboración.