Todo parece indicar que o lume iniciouse nunha habitación da vivenda do 1º piso, que ardeu na súa totalidade, quedando toda ela afectada polos gases e polo fume ocasionado. O impacto causado polas chamas fixo que rebentase unha xanela que conectaba co patio de luces do edificio, o que provocou a rotura de cristais nas demais vivendas, incluso os pisos superiores tamén resultaron afectados polo fume e polas altas temperaturas alcanzadas. Con todo, os axentes da Garda Civil traballan agora para esclarecer as causas que orixinaron o incendio.
Un amplo dispositivo púxose en marcha nada máis recibir a chamada de varios alertadores no 112 Galicia, ás 14:45 horas desta tarde. Todos eles indicaban que vían saír fume da galería dun piso dun edificio de catro andares, situado na Avenida da Deputación, en Ferreira, no concello lucense do Valadouro. Engadían, ademais, que había xente nos balcóns que pedían axuda.
Así, con estes datos, desde o 112 Galicia informouse enseguida aos Bombeiros de Barreiros e ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ao momento varias ambulancias. Os Bombeiros de Barreiros rescataron co seu vehículo de altura a dúas persoas do 4º piso pola fachada do inmoble, que, tras os intentos dos profesionais sanitarios, tan só lograron estabilizar a unha delas, a outra persoa nada se puido facer por salvarlle a vida.
O edificio tivo que ser desaloxado e, tras a valoración dos profesionais de extinción, os residentes non poderán volver ás súas casas ata pasados uns días, debido aos danos causados.
Tras informar o persoal do Concello e confirmarse a complexidade da situación, tamén foron informados os Bombeiros de Viveiro, que, aínda que se desprazaron de inmediato ata o lugar, non foi necesaria a súa intervención.
Finalmente, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou aos xestores do 112 o falecemento dunha persoa e o traslado doutras dúas, unha delas ao Hospital da Mariña e a outra ao PAC de Burela.