Un mozo mata presuntamente á súa parella en presenza dos fillos en Becerreá

Un mozo de 29 anos asasinou presuntamente á súa parella sentimental, de 40, cunha escopeta de caza no concello de Becerreá. Os feitos ocorreron esta tarde, sobre as 18 horas no lugar de Herbón, na parroquia de Tortes, cando supostamente J.MC.N. disparou polas costas a A.G.N. diante dos fillos dela, de 16 e 17 anos respectivamente. Os menores eran nacidos dun matrimonio anterior. O rapaz de 16 anos resultou ferido leve ao ser alcanzado polo rebote do disparo.

O presunto agresor foi detido e se atopa no cuartel da Garda Civil de Becerreá, un corpo que xa fala deste caso como de violencia de xénero, o primeiro que se produce este ano en Galicia. A vítima, natural de Pedrafita do Cebreiro, levaba varios anos convivindo co suposto autor, nacido en Navia de Suarna, e nese tempo non constan denuncias previas por malos tratos.

Tres días de loito

O alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, xa anuciou que mañá ás 12 horas haberá unha concentración na que se gardará 5 minutos de silencio en repulsa a estes feitos, do mesmo xeito que o Concello decretará tres días de loito oficial. “Pero non podemos por desgraza facer nada máis nin devolverlle a vida a esta persoa”, engadiu.

Martínez declarou que “a sorpresa foi total e absoluta” xa que “ninguén esperaba que puidese ocorrer algo así, e en concreto con estas persoas”, destacando que o suposto agresor era un “rapaz apreciado, querido e relacionado socialmente con case todo Becerreá”. “Axudaba a todo o mundo, era ata encantador”, precisou.

O rexedor explicou que foi informado deste tráxico suceso por parte do tenente de alcalde, Claudio Vázquez, a Garda Civil e a Subdelegación do Goberno.

Martínez asegurou que vítima e agresor levaban convivindo xuntos menos de tres anos “sen que houbera altercados nin indicios” e que alugaran unha casa a 4 quilómetros de Becerreá. “Aparentemente non había problemas de ningún tipo, aínda que na realidade parece ser que si”, matizou. Segundo Martínez “nos últimos días parece que estaban para separarse, que non funcionaba a relación e agraváronse os problemas”, pero asegura non coñecer as circunstancias da agresión.

Dor e conmoción

O primeiro edil manifestou que estes feitos “dóenos moito; primeiro porque nos volven poñer no mapa das noticias sen ter intención ningunha” e segundo “porque unha vida máis dunha muller quedou truncada”. “Sempre cres que estas cousas pasan noutros concellos”, pero a realidade é que “é unha lacra en calquera concello de Galicia”.

En canto á situación na que quedan os fillos da vítima, Martínez asegurou que os avós maternos, que residen en Pedrafita, poderían facerse cargo deles aínda que terán que ser “os servizos sociais e a Xunta de Galicia os que decidan”.

 

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Maria
    Feb 12, 2016 - 01:01 AM

    Molestalle primeiro porque poñenos nas noticias sen intencion ningunh e segundo porque asasinaron unha persoa….curiosa orde de prioridades alcade

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com