A Concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, lembrou que este sábado remata a programación, organizada ao longo do mes de maio dende a súa concellería, para visibilizar a aportación das escritoras galegas á cultura e á igualdade da muller como creadora a través de Xela Arias, homenaxeada das Letras Galegas 2021.
Concretamente, este sábado, ás 11:00 horas, terá lugar a cuarta e última Ruta Literaria. As persoas interesadas aínda poden inscribirse, chamando ao 010 ou a través do 982297350 para os de fóra de Lugo. O punto de partida é a Praza Maior, dende os soportais do Concello, e estará dirixida pola guía local Lidia De la Fuente.
Como broche de ouro a esta programación, ás 13:00 horas, no Parque Rosalía de Castro terá lugar un concerto, no que se interpretarán 10 poemas de Xela Arias, musicados por Eloi Caldeiro. Entre tema e tema, unha muller lerá o poema que a continuación se interpretará musicalmente.