Multa

Gastarme cincuenta euros en viños coa familia –teño unha familia ampla- é unha ocasión de lecer, e quedamos todos contentos. Pagar cincuenta euros por unha multa de tráfico, rebaixa incluída, sempre me produce unha forte comezón  que só o paso do tempo consegue mitigar.

Estes días paguei unha multa de exceso de velocidade – o meu coche ía a 61 quilómetros por hora- que me puxeron hai días na estrada que vai desde a A6 a Santiago, aló pola zona de Xanceda. A velocidade máxima estaba establecida, e segundo o aparato medidor de Trafico eu paseime amplamente desa medida.

Xeralmente teño moito coidado coas limitacións de velocidade, aínda coas que non teñen sentido ou están manifestamente colocadas para explotar ao condutor inadvertido. Pensei nese tema a pasada fin de semana cando pasei de madrugada por Mosende na estrada entre Viveiro e Roupar, onde un sinal establece que o máximo que se permite de velocidade son 50 quilómetros. por hora, pero nunca vin un ser humano nesa zona e as casas que existen teñen toda a pinta de estar pechadas por carencia de humanos que as habiten.

Cando vexo un sinal estrafalario coma estes reduzo ostensiblemente a velocidade, pero vese que nesta ocasión non o fixen a tempo, e Tráfico tiña disposto un radar que evidencia que aínda non estaban cumpridos os fins recadatorios para aquel día e aquel lugar.

Ao final, aínda vou ter que estar agradecido ao sistema, que ao pagar de inmediato renunciando a toda reclamación, rebaixáronme á metade a multa inicial de cen euros. Paguei, pois, 50.  Eu lembro que hai moitos anos, no meu rural, cando alguén obtiña un determinado beneficio con malas artes ou de xeito non totalmente ortodoxo, adoitábase desexar que o beneficiado inxustamente gastase en beneficio na farmacia, en medicinas. Non é o caso, pero eu recoñezo que estaría moito máis satisfeito se eses cincuenta euros que se me rouban legalmente os houbese gozado colectivamente, en familia, nun sabroso viño do país.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com