A borrasca Karlotta deixa na provincia multitude de caída de árbores e pólas nas estradas que provocaron alteracións no tráfico. Sobre todo en vías secundarias, aínda que o 112 Galicia recibiu múltiples avisos de particulares por árbores que interrompían parcial ou totalmente a circulación en diferentes puntos da provincia, como a N-640 (A Pontenova), a N-634 (Barreiros e Lourenzá), a LU-122 (Lourenzá) ou no quilómetro 515 da A-8 á altura de Ribadeo. Pola súa banda, en Cervo, a caída dunha árbore na vía do tren causou o corte do tráfico ferroviario entre Ortigueira e Ribadeo, como informou o persoal de seguridade de ADIF minutos antes das 14 horas.
Varias localidades sufriron problemas co subministro eléctrico ao longo da tarde, rexistrándose casos, por exemplo, nos municipios de Xove, Trabada, Riotorto, Viveiro, O Vicedo, Alfoz, A Pontenova, Cervo ou Lourenzá.
Varios particulares informaron aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da caída de lousas dun edificio da rúa Río Xunco (Burela) sen que ninguén resultase ferido. Tamén en Burela, esta vez na travesía do Porto, un alertador explicou que acababa de romper unha terraza de cristal e que os restos caeran á rúa. Outros avisos incluíron a chamada por unhas tellas doutro inmoble que saíron voando na rúa de Salvador de Madariaga, en Foz.