A Xunta de Galicia financia con preto de 18.000 euros a creación da ruta de sendeirismo Ucheiras-Cuiñas, no concello de Muras, cun percorrido de 9,5 kilómetros dentro da Serra do Xistral.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concede unha achega ao Concello que supón a totalidade do orzamento do proxecto, de forma que a entidade local deberá asumir unicamente o IVE.
O proxecto inclúe a colocación de paneis informativos e de educación ambiental, coa finalidade de difundir entre a poboación local e os visitantes a gran riqueza da contorna, que forma parte da Rede Natura 2000.
Balseiro destacou que o Goberno galego contribúe con este tipo de apoios a fomentar o contacto coa natureza “a través do sendeirismo, unha actividade turística e deportiva en auxe, que cada vez practican máis persoas e que permite achegar á poboación ao medio natural e promover o desenvolvemento dos núcleos rurais”.
O delegado precisou que esta axuda responde a un programa do departamento de Medio Ambiente para colaborar con concellos e particulares na conservación e acondicionamento dos espazos incluídos na Rede Natura 2000, financiando actuacións dirixidas á recuperación de elementos históricos, culturais e naturais representativos ou necesarios para o mantemento da paisaxe e das condicións ambientais que os caracterizan.