O Deputado de Mocidade, Pablo Rivera Capón, inaugurou hoxe no campo da feira do Páramo a XLII edición da Feira de Primavera da vila. Esta festa de grande tradición organizada pola Asociación de amigos do campo da Feira conta co principal apoio da Deputación, que destina 8.000 euros á celebración desta cita que atrae a máis de 4.000 visitantes ao Concello para gozar de máis de 30 actividades durante 3 xornadas.
Rivera Capón destacou que “é un orgullo estar neste campo da feira que acolle, un ano máis, unha feira histórica que realza o noso rural, cunha exposición de gando con preto de 400 reses; a nosa cultura, a través de concertos coma os de Xabier Díaz; e participando a nosa artesanía, a través dunha feira que reúne 60 profesionais da provincia. Unha feira que repercute tamén positivamente na economía e no turismo da zona asi como na vida da vila coa X Festa da Mocidade. Por estes motivos, dende o Executivo Provincial, seguiremos colaborando con este evento de importancia para O Páramo e para a provincia”.
Esta XLII edición conta con máis de 30 actividades, a maioría relacionadas co rural. O domingo ás 18:00 horas a Alta Escola de doma cabalar, procedente de Burgos, levará a cabo o espectáculo El duende Ecuestre que será a actividade estrela. A música terá tamén un papel moi importante, destacando o sábado o concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.