O vindeiro domingo, 16 de agosto, os participantes na andaina temática do programa turístico Terras de Auga e Cultura realizarán a ruta O Vello Lugo Agrario, coa que terán a oportunidade de coñecer a paisaxe agraria viva das parroquias de Santalla de Bóveda e de Bacurín, no Concello de Lugo; e de escoitar á orquestra Os Modernos.
Esta nova viaxe guiada comezará cunha visita ao santuario romano de Bóveda, declarado Ben de Interese Cultural, e ás súas pinturas murais romanas. Logo os participantes dirixiranse á aldea de Cabanas, onde poderán contemplar os diferentes muros e valados que pechan os terreos. No camiño cruzarán o río Mera, no que se atoparán cun muíño tradicional. Máis tarde, subirán a San Miguel de Bacurín e realizarán un trazado do Camiño Primitivo.
Os participantes desprazaranse tamén ás inmediacións da Capela de San Bartolomeu do Burgo para escoitar á orquestra Os Modernos, que actuará a partir das 13:30 horas, e para xantar.
A saída é as 10:30 horas da zona peonil da Ronda da Muralla (á altura de Bispo Aguirre) e a volta sobre as 19:00 horas a este mesmo punto. Todos os interesados aínda se poden inscribir na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, número 11.
O vindeiro domingo, ás 20:00 horas, Cé Orquesta Pantasma tamén ofrecerá outro concerto, neste caso no barrio da Ponte. Ambas as dúas actuacións musicias teñen lugar en dúas localizacións polas que discorre o Camiño Primitivo. Lugo, O Corgo e Rábade, xuntos para activar o turismo na zona rural Terras de Auga e Cultura é un programa de promoción turística da zona rural de Lugo, O Corgo e Rábade.
Neste proxecto, que conta cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), colaboran o Concello de Lugo, cunha achega económica de máis de 33.800 euros; o Concello do Corgo, con 3.000 euros; e o Concello de Rábade, con 3.000 euros.
“Trátase dunha iniciativa que busca activar o turismo e a zona rural dos Concellos, xunto á posta en valor da riqueza patrimonial coa que contan estes lugares”, explicou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre.
Neste senso, a edil incidiu na “resposta positiva” que están a recibir estas andainas temáticas, que se enmarcan na terceira edición deste programa. “Ata a data celebráronse 19 excursións, nas que participaron unhas 420 persoas, dende xubilados a familias con nenos”, subliñou Basadre. As viaxes de caracter gratuíto, rematarán o 27 de decembro.