Na morte de Telelugo

Da mesma maneira que cando nace un medio informativo somos máis ricos en liberdade, cando un medio pecha, algo noso morre. Onte entereime de que morreu Telelugo, e non poido evitar sentilo na alma. Lugo quédase sen televisión local cando en tempos tivo dúas.

Eu fun, con Carlos Rodríguez e as nosas familias, fundador de Televisión Lugo o 4 de outubro de 1994, e aquela data figura na historia da información lucense pola nova dimensión –a da imaxe viva- que se incorporaba á nosa vida colectiva. Pero a miña dor pola  perda non ten que ver (ou quizais algo si) co meu vencello ao nacemento da primeira TV local que Lugo tivo na súa historia.

O noso papel –repito que o de Carlos, as nosas familias e meu- foi poñer en marcha a televisión, rexila durante catro difíciles e fermosísimos anos, e ceder o testigo a El Progreso para que seguira adiante cun tema que nos esixía “alma, corazón e vida”, e un –con familia, cunha vida que vivir- non pode dedicarlle de forma indefinida alma, corazón e vida a unha idea, unha iniciativa, unha libre bandeira informativa, por moito que ame a liberdade e a información.

Os catro primeiros anos de Televisión Lugo foron unha ilusión, unha utopía, que fixemos fermosa realidade. Pero cando deixamos aquela empresa – novembro de 1998-, volvemos á familia, á relativa tranquilidade de cada día, a explorar outros mundos informativos que como se sabe existen e están aquí.

Non se deben estas verbas a querencia persoal por aquela televisión irrepetible. A nova televisión que tivo Lugo, non tiña porque seguir sendo igual ca nosa. De feito, non tivo nada que ver coa nosa. Por iso podemos ver a súa existencia, e por desgracia a súa desaparición, desde fóra, como lucenses que queren información, pluralidade de medios, para escoller, escoitar, ler e ver todo o que se nos ofrece, e por iso dóenos a desaparición de Telelugo, nome que o publico lucense xa lle puxera á nosa desde o comezo, porque cando unha pantalla se apaga é como se a nosa capacidade visual quedase radicalmente reducida. Como se a crise nos fixera pechar os ollos.

A maldita crise levará a culpa. E será con razón, porque a crise distáncianos de case todo, e iría facendo esmorecer esta canle. E sen embargo os lucenses teñen demostrado en centos de ocasións que merecen ter unha TV local. Os lucenses, inocentes desta morte, sufrímola do xeito máis directo. Hai xa case dezanove anos que Televisión Lugo dixo adeus. Hoxe despedimos a Telelugo. Sentímolo. Todos os lucenses perdemos algo importante. Descanse en paz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com