Corporacións municipais e veciños reforzaron este sábado os lazos históricos que unen a Lugo e Ferrol na xornada do San Froilán dedicada á cidade Departamental, cando se cumpren 15 anos da irmandade oficial entre ambos os dous concellos. Os Alcaldes lucense e ferrolán, Lara Méndez e Jorge Suárez, presidiron os actos conmemorativos, que arrancaron coa tradicional recepción na casa consistorial, seguida dunha visita ao museo da Domus do Mitreo, un percorrido por un tramo do Camiño Primitivo e a comida nas casetas do polbo.
Ademais de membros da Corporación, viaxaron 75 veciños e veciñas que se desprazaron a Lugo en dous autobuses fretados polo Concello ferrolán. Na recepción participaron así mesmo integrantes dos Colexios de Arquitectos de Lugo e Ferrol, tamén irmandados.
Durante a recepción, os rexedores de Lugo e Ferrol, “cidades irmáns”, reivindicaron o papel das políticas públicas municipais para “dar solucións aos problemas dos veciños e mellorar a súa calidade de vida nunha situación socioeconómica tan difícil como a actual”. Subliñaron así mesmo a importancia de abrir as portas do Concello aos cidadáns. “Somos a primeira porta á que chaman para ser orientados nas súas dúbidas e escoitados nas súas demandas”, asegurou a Alcaldesa lucense.
Lara Méndez e Jorge Suárez expuxeron os retos comúns das súas cidades, situando a creación de emprego, e a dinamización e diversificación económica como prioridades. A rexedora de Lugo subliñou a necesidade de “buscar as potencialidade intrínsecas” de cada municipio, que no caso da cidade amurallada pasan, indicou, polo patrimonio cultural, histórico e medioambiental para converter o turismo en motor económico. Méndez lembrou neste senso que Lugo conta con tres bens declarados Patrimonio da Humanidade: a Muralla, recoñecemento “que tanto contribuíu ao desenvolvemento da cidade”, e os recén outorgados ao Camiño Primitivo e a Catedral.
Xunto á creación de emprego, a Alcaldesa situou como piares da acción do Goberno lucense os servizos sociais para garantir a igualdade e a inclusión na difícil coxuntura actual. Demandou tamén políticas para atallar o despoboamento que sofren Lugo e Ferrol, e para evitar “que haxa unha Galicia de dúas velocidades”.
O rexedor ferrolán, pola súa banda, incidiu na necesidade de diversificar a economía “para fortalecer ese eixo que vai de Ferrol, o porto exterior e polígonos industriais pola A-6 pasando por As Pontes e Vilalba”, ademais de recalcar, ao igual que a Alcaldesa, a importancia do sector naval “onte, hoxe e mañá”. Os obxectivos do concello ferrolán pasan tamén por recuperar a cidade, o seu patrimonio histórico e urbanístico, e avanzar na peonalización, un aspecto sobre o que Suárez puxo a Lugo como modelo a seguir, ademais da posta en valor da contorna natural, espazos verdes e zonas públicas de lecer.
“Outro dos cabalos de batalla conxuntos ten que ser a mellora das comunicacións co Norte da meseta para conectarnos á cornixa cantábrica como tantos e tantos anos levamos agardando, por estrada, si, pero tamén é imprescindible a conexión do tren que, se medimos os tempos, nos trasladan ao século pasado”, indicou Jorge Suárez.
Ambos os dous Alcaldes tendéronse a man para continuar coa estreita relación entre os concellos e os veciños de Lugo e Ferrol, e para manter o espírito de cooperación institucional de cara a buscar solucións en beneficio de ambas cidades.
Tras as intervencións dos rexedores, intercambiáronse agasallos. O Concello de Ferrol entregou ao de Lugo o libro Boas Noites, Ferrol, que recolle fotografías nocturnas da cidade e un prato conmemorativo da Noite das Pepitas 2015, mentres a Corporación lucense agasallou á ferrolá cos libros A orixe das festas modernas e contemporáneas, de Adolfo de Abel Vilela, o último número da colección San Froilán dos Devanceiros, e Os Caneiros do Miño no Concello de Lugo, obra dun equipo universitario de distintas disciplinas.
O Alcalde ferrolán asinou no Libro de Ouro do Concello de Lugo ao comezo da recepción: “Para a nosa cidade irmá de Lugo, con todo o afecto e respecto, na esperanza dun futuro conxunto de prosperidade, benestar e xustiza social por moitos anos, co agradecemento da Corporación Municipal de Ferrol”.