A proposta “Lugo é Camiño”, que nace con vocación de continuidade, desenvolverase nesta primeira fase en colaboración coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, a American Pilgrims on the Camino, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Arxentina, e a Associação Brasileira dos Amigos do Caminho de Santiago. Deste xeito, dirixirase a catro dos países que historicamente teñen achegado maior volume de peregrinos.
A Xunta de Galicia impulsa este proxecto para a difusión internacional do Xacobeo. A iniciativa Lugo é Camiño foi presentada hoxe na sede do colectivo coa presencia, entre outros, do seu presidente, Ángel Trabada; o delegado territorial, Javier Arias; o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa, e o presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño, Jorge Martínez.
O obxectivo é promocionar o patrimonio e a riqueza dos 31 municipios lucenses atravesados polas rutas xacobeas, e para elo servirase da realización de conferencias virtuais coas catro asociacións citadas, a difusión específica nas súas webs e redes sociais, a elaboración de trípticos monográficos e a creación dunha páxina web específica que estará accesible en catro linguas (galego, español, inglés e xaponés).
Arias gabou a iniciativa e sinalou que “está claro que compartimos obxectivos coa Asociación de Amigos do Camiño, xa que ademais de poñer en común experiencias e promocionar as distintas variantes xacobeas, suporá abrir novas oportunidades económicas no rural, coa influencia do Camiño e dos seus valores como eixo principal”.