Entidades ecoloxistas, culturais, veciñais e políticas, e persoas a nivel particular, veñen de constituír a plataforma “Salvemos O Iribio” coa finalidade de defender a Serra do Iribio das obras dun Parque Eólico e das instalacións electromecánicas asociadas, como é a Liña de Alta Tensión “Serra do Oribio”.
A Serra do Iribio é o monte que conserva o maior imaxinario máxico do Courel, agochando neste enclave un amplo patrimonio inmaterial, polo que ademais discorre o antigo Camiño Real, que empregaban os arrieiros para acceder á Meseta desde Galicia, ao que acompaña un extenso inventario de bens patrimoniais de carácter arqueolóxico e histórico-cultural que xa foi en parte destruído polas obras irregulares do parque eólico.
Esta plataforma constitúese co principal obxectivo de facer valer a legalidade vixente que prohíbe a instalación de novos parques eólicos en zonas de Rede Natura 2000. O proxecto eólico definitivo “Serra do Oribio” aprobado por Acordo do Consello da Xunta o pasado 27 de xuño e publicado no DOG o pasado 14 de agosto vulnera, por tanto, a lexislación vixente e non pode facerse efectivo. O proxecto estaría contravindo, cando menos, o artigo 60 do Plan Director da Rede Natura, aprobado polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo, así como o artigo 32 da Lei 8/2009 do aproveitamento eólico de Galicia. Do mesmo xeito, a Liña de Alta Tensión asociada a este parque eólico e aprobada pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas o pasado 13 de febreiro tamén sería contraria á lexislación vixente. En contra destas disposicións, a plataforma Salvemos O Iribio presentará todos cantos recursos sexan pertinentes.
Esta plataforma procurará tamén por todos os medios posibles a paralización das obras en execución que vulneran a lexislación vixente e que están a destruír gran parte dos valores naturais e ecolóxicos, histórico-culturais e patrimoniais da Serra do Iribio, danos que, nalgúns casos, xa son irreparables.
“Salvemos O Iribio” anuncia futuras mobilizacións se a Xunta non decreta de forma urxente e inmediata a paralización das obras do parque eólico do Iribio e das súas infraestruturas asociadas, como son os camiños de acceso ao parque ou a liña de alta tensión