NarraSarria nace sendo o primeiro Festival de Narración Oral e Contacontos de Sarria. Unha actividade que levará oito espectáculos ás rúas de Sarria durante os domingos de xullo e o primeiro de agosto. O festival está impulsado pola compañía Feira do Leste e conta coa financiación do Concello de Sarria.
O Malecón, a igrexa de Santa Mariña e a Praza da Vila son os espazos onde os nenos e adultos poderán desfrutar de historias e contos da man de profesionais de recoñecido prestixio da narración oral galega como Ernesto Is, Lorena Pinheiro ou Cris de Caldas.
A apertura de programación será o vindeiro domingo 11 de xullo da man do actor Santi Prego, nomeado ao Goya no 2020 como mellor actor revelación polo seu papel en Mientras dure la guerra de Alejandro Amenábar. Prego levará ao Malecón a súa peza O teatro máis pequeno do mundo, será ás 12.30 horas. Ese mesmo día, ás 20.00 horas, No e Is contarán historias de humor e picardía no seu espectáculo Dous falabaratos e un destino na igrexa de Santa Mariña.
O domingo 18 de xullo, Ernesto Is entreterá aos máis pequenos coa contada titulada Historias fascinantes de nenos e nenas delirantes. Será no Malecón ás 12.30 horas. Lorena Pinheiro traerá historias, contos e faladurías acompañada da súa pandeireta en Seica (Historias contadas de vergoñas, silencios e rebeldías), unha peza para mozos e adultos. A cita é na Praza da Vila ás 20.00 horas.
O agasallo das árbores, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño, unha sesión de contos que ten como fío condutor o conto dos tres porquiños e a concienciación medioambiental. Esta proposta familiar vén acompañada de música en directo e poderá desfrutarse o domingo 25 de xullo ás 12.30 horas no Malecón. Ás 20.00 horas na Igrexa de Santa Mariña estará Cris de Caldas con Contos en lila, unha proposta familiar pola igualdade.
O domingo 1 de agosto, Nerea Brey contará para os máis pequenos ás 12.30 horas no Malecón. Lúa e o tesouro do hórreo recolle as lendas galegas da man dunha rapaza moi bulideira que está na busca dun tesouro. Pechará o festival Iván Davila cos seus Contos na lareira, unha proposta para cativos de máis de 3 anos. Será na Praza da Vila ás 20.00h.
Todas as actividades son de balde e non precisan reserva. Así mesmo, cumpriranse cos protocolos COVID garantindo a distancia de seguridade entre o público e os contadores.