En apenas unhas semanas, a cidadanía lucense poderá dispoñer dun novo centro social en Lamas de Prado. As instalacións prestarán servizo a unhas 20.000 persoas dos barrios do Carme, A Cheda, Abuín-Abella e Castiñeiro, así como de diversas parroquias do rural.
A alcaldesa de Lugo a compañada pola edil responsable de área, deu a coñecer esta mañá o estado no que se atopa a construción do inmoble, practicamente xa rematado e ao que só lle restan pequenos aspectos burocráticos como a contratación do mantemento do ascensor e da subministración eléctrica, así como a instalación do mobiliario, actual e multifuncional, acorde aos diferentes usos que se contemplan tanto no interior como no exterior do centro”, indicou.
A rexedora explicou que a dotación disporá de dúas plantas e un soto, que funcionará de xeito independente. De maneira que a planta baixa, que terá unha distribución flexible, albergará actividades recreativas e formativas, coas que facilitar a convivencia de todo tipo de persoas usuarias, mentres que a planta superior se destinará a tarefas de traballo social.
“A zona de recreo (Planta Baixa) terá unha distribución flexible, con tabiquería móbil, o que permitirá adaptar a distribución das particións interiores ás finalidades e actividades que se vaian a desenvolver en cada momento. E contará, tamén, cunha zona que se poderá empregar como salón de actos para 150 persoas, ludoteca, sala de conferencias, de lectura, de xogos, de ximnasia ou de baile. Mesmo disporá dun escenario hidráulico con diferentes alturas”, avanzou.
“Pola contra, a parte administrativa (1º Planta) foi organizada en franxas de sentido lonxitudinal ao longo do edificio, para acoller unha zona de información, 7 despachos – intercomunicados a través dun corredor de seguridade – dúas zonas de espera, un arquivo e aseos. E o soto centrará a súa funcionalidade en albergar os baños da Planta Baixa, o cuarto de instalacións e o almacén xeral”, referiu Lara Méndez.
Pola súa banda, Olga López destacou que o centro permitirá ofrecer asesoramento á poboación e atención na tramitación das axudas sociais pero tamén a impartición de formación e cursos, e de programación recreativa ou de ocio como o baile, teatro, espectáculos, xogos, etcétera.
En canto aos recursos humanos, contará cun equipo interdisciplinar constituído por traballadore/as sociais, educadore/as, animadore/as, auxiliares e conserxería.
O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola UE a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), aínda que a alcaldesa destacou tamén o aproveitamento que se fixo das sinerxías co programa Life Lugo+Biodinámico “xa que a madeira, de orixe galega, foi o principal elemento estrutural da edificación, na liña do Impulso Verde e en consonancia urbanismo sustentable que xa é a marca que define a nosa cidade”, concluíu.