A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou hoxe no acto de clausura do 25 Congreso Periodipesca celebrado en Mondoñedo a importancia da difusión das potencialidades e dos recursos máis distintivos de Galicia afirmando que resulta “fundamental para a proxección do xeodestino”.
Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta resaltou a contribución do Club Periodipesca na posta en marcha de iniciativas formativas dirixidas á comunicación especializada.
Así mesmo, Nava Castro destacou a importancia da preservación ambiental, territorial, paisaxística e patrimonial como elemento distintivo e como factor de diferenciación dun destino, para facelo forte e competitivo no mercado global.
Nava Castro sinalou que o turismo é unha das industrias máis limpas na que ten que existir unha conciliación entre o que significa aproveitar turísticamente un territorio e preservar o medio deste.
A directora de Turismo de Galicia concluíu afirmando que a través da accesibilidade, a sensibilización, a promoción, atendendo a capacidade de carga dos espazos, e a integración de criterios sustentables, lograremos entre todos consolidar Galicia como modelo europeo de turismo sustentable.