Teatro, música, feira de emprededoras, obradoiros de saberes tradicionais, mesas redondas e ata a elaboración dun graffiti. Son as actividades que esta fin de semana leva ata Navia de Suarna a Caravana Cultural das Mulleres Rurais. Unha iniciativa pioneira de FADEMUR que nace coa vontade de poñer en valor os saberes, os oficios e a cultura tradicional e de tecer unha rede de mulleres rurais a nivel estatal que permita facer aflorar todo ese patrimonio cultural.
A Carvana Cultural ofrece un amplo programa de actividades que se desenvolverán tanto en espazos públicos como privados da localidade e que pretende xerar debates, crear diálogo, visibilizar e poñer en valor a cultura rural e o papel primordial que as mulleres desenvolven e desenvolveron sempre nese eido.
Dende o sábado 2 de setembro ás 11:30 da mañá, ata a súa clausura, o domingo 3 pola tarde, o festival ofertará talleres de musicoterapia e de recuperación e transmisión de saberes tradicionais vinculados ao fiado do liño e da lá, ao traballo con coiro, ao tecido, os bolillos ou á transmisión oral e as pandereteiras. Tamén haberá espazo para unha feira de emprendedoras con degustación na que as mulleres rurais vinculadas a FADEMUR exporán e terán á venda os seus produtos. A programación complétase con dous concertos das bandas Bulbakán e N.E.X.N. coa obra de teatro “El contrabajo estrellado” e coa elaboración dun mural conmemorativo.
A que esta fin de semana se desenvolve en Navia de Suarna é a primeira edición dunha iniciativa de ámbito estatal cuxa próxima parada está previsto desenvolver en Extremadura.