O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, acompañados do Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, participaron este sábado na VIII Festa do Viño deste municipio lucense, organizada pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e Viñedos da Ribeira do Navia. O Executivo Provincial colabora coa celebración desta cita vitivinícola cunha achega económica de 2.000 euros dentro da súa aposta por promocionar os produtos autóctonos e impulsar o crecemento no sector turístico, na procura dun modelo máis competitivo e rendible, así como a economía desta zona da provincia. Pola súa parte, o Concello de Negueira de Muñiz tamén contribúe coa festa economicamente e instalando unha carpa.
Campos Conde destacou que “un ano máis, dende o Goberno da Deputación colaboramos coa Festa do Viño de Negueira de Muñiz, unha cita consolidada no calendario festivo da provincia, porque somos conscientes da importancia de apoiar este tipo de iniciativas que poñen en valor os produtos lucenses, dándoos a coñecer, e que incentivan o turismo, pois se prevé a participación de máis de 600 veciños”.
O Presidente apuntou que “esta zona da provincia conta cunha gran variedade de viños, que debido ás peculiaridades climatolóxicas, pois son os que a máis altura da provincia se producen, gozan dun sabor e unha textura diferentes que os fan únicos en todo o mundo. Con esta cita, dende os Executivos Provincial e Municipal queremos poñer en valor o traballo diario e meticuloso que desenvolven durante todo o ano os viticultores da Montaña lucense, véndose reflectido na importancia e calidade dos nosos viños”.