O Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda denunciou que o Concello leva máis dunha semana sen medico. “E o máis grave é que a situación non vai mellorar nas vindeiras datas, xa que nos confirmaron que tampouco haberá facultativo para atender aos doentes o vindeiro luns. Polo tanto, todos os pacientes terán que ser atendidos no PAC da Fonsagrada cos conseguintes custos económicos e inconvintes de mobilidade para a veciñanza”, criticou.
Nestes intres, segundo denuncian dende o Concello, a atención no centro de saúde Negueira de Muñiz realizase durante dúas quendas, concretamente hai asistencia médica os luns e xoves de cada semana no ambulatorio, e ademais, o médico fixo que asistía aos pacientes foi trasladado a Lugo e actualmente os cambios son continuos. “Pero novamente a veciñanza do rural e da Montaña Lucense é máis prexudicada polos recortes do PP en atención sanitaria. Levamos máis dunha semana sen médico e sen enfermeiro e aquí non pasa nada e ninguén responde as nosas demandas”, advertiu o rexedor.
“En lugares como o noso, un pequeno concello da Montaña Lucense cunha poboación altamente envellecida, evidenciase de xeito moi latente os drásticos recortes que estamos sufrindo toda a Montaña na atención primaria”.
Nesa liña, o rexerdor argumenta que “o modelo do PP e de Feijóo son os recortes e o conformismo, en lugar de buscar solucións aos problemas de recursos sanitarios na nosa provincia, que fai o PP?”, preguntouse. “Mira cara a outro lado a esperar a que pase a marea, mentres os nosos maiores están desatendidos”, replicou.
Por iso, Braña advertiu que “cada día que falte o médico ou o sanitario correspondente no ambulatorio de Negueira de Muñiz denunciareino publicamente para que todo o mundo coñeza a calidade das políticas que impulsa o PP na Montaña, que non é outra que deixar sen médico aos nosos veciños. Esta é a verdadeira lexislatura de rematar co rural”, sentenciou Braña.