O pasado 20 de decembro, no último pleno do ano, o concello de Negueira de Muñiz declarouse territorio libre de eólicos. No único punto do día, incluido a raíz da presentación dunha moción da Agrupación Municipal Negueira Viva, debatiuse sobre o perxudicial que resultaría para o concello a implantación de explotacións eólicas debido ao gran valor ecolóxico e a fraxilidade ambiental da contorna.
A poboación agrupada en torno á Plataforma Stop Eólicos Negueira considera a decisión unha moi boa nova e espera que anime a outros concellos a facer o mesmo co fin de evitar os danos irreparables que causan este tipo de proxectos. Porén, a plataforma di ser consciente de que este é só un pequeno paso na dirección correcta e non se debe baixar a garda ante a ameaza dos plans das grandes corporacións do sector eléctrico en toda a contorna. De feito, xa existe unha ameaza real, pois hai proxectado un novo parque eólico na Serra de Liñares que contravén esta declaración.
O concello na súa totalidade pertence á Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e unha gran parte do territorio é Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e está protexido pola Rede Natura 2000, o que explica a traxedia que representaría a construcción de enormes parques de eólicos e as súas correspondentes vías de evacuación. Ademais, o concello ainda conserva na súa memoria as nefastas consecuencias de ter sufrido outro expolio por parte da industria enerxética a mediados da década de 1950 coa construcción do encoro de Grandas de Salime. Este encoro supuxo a expropiación das terras máis fértiles e pobos enteiros quedaron somerxidos baixo as súas augas. Tamén, deixou ao concello dividido en dous e varias parroquias quedaron prácticamente incomunicadas, condenando a unha das súas ribeiras á súa case completa despoboación.
A Plataforma Stop Eólicos Negueira recoñece a necesidade dunha transición enerxética pero oponse á que está baseada nun modelo expoliador e depredador, no que non existe participación social nin garantías de protección medioambiental, e que se presenta de forma fraudulenta mediante proxectos fragmentados coa finalidade de ocultar o seu impacto real.
A implantación deste tipo de explotacións eólicas supoñería privar de futuro á poboación do concello, que está aumentando, rexuvenecendo e liderando proxectos innovadores respetuosos co medio.