A neve complica a circulación nas estradas da Montaña e deixa sen clase a 35 nenos

Xornada marcada pola neve na montaña de Lugo . As nevaradas das últimas horas están a complicar a circulación na rede viaria. O servizo de emerxencias 112 contabilizou un total de 15 incidencias nesta provincia. Os concellos máis afectados son Pedrafita do Cebreiro e A Fonsagrada. Neste último, dous camións e unha furgoneta quedaron atrapados na LU-4606. Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia ás 12:00 horas para explicar a situación. Na LU-530, entre tanto, uns cinco vehículos quedaron atrapados á altura do Padrón.

En Pedrafita do Cebreiro, ata cinco persoas se viron afectadas por complicacións na circulación. A central de emerxencias do 112 tamén recibiu chamadas dende Chantada, Samos, Nogueira de Ramuín, Becerreá ou Folgoso do Courel, por exemplo.

Precisamente a neve obrigou a suspender as clases no CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro, ao que acoden 34 alumnos e alumnas, porque non puido circular o transporte escolar. No CEIP Santa María da Fonsagrada faltou un alumno tamén por esta causa.

O operativo de vialidade invernal da Xunta de Galicia actúa dende a pasada madrugada retirando neve dos principais portos de montaña da rede autonómica de estradas, tarefas que continuaron esta mañá pola persistencia do temporal. Así, nas últimas horas estendéronse 46 toneladas de sal e 5.000 litros de salmoira nos puntos máis afectados. Na zona norte os problemas principais rexistráronse nas estradas que conectan A Fonsagrada, con especial incidencia nos portos da Baqueriza, A Fontaneira e O Cerredo (na LU-430) e O Acebo (LU-701), entre outros tramos.

Polo que respecta á zona sur, a neve tamén causou problemas de circulación na LU-633, nos portos do Cebreiro, San Roque e Poio, e na LU-637, no Alto do Viduedo. Toda a rede autonómica de estradas está aberta ao tráfico, pero nos puntos sinalados é preciso circular con precaución.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com