O auditorio do Vello Cárcere acollerá este xoves, 1 de marzo, a partir das 20:00 horas, unha conferencia da artista iraní afincada en París, Niloufar Banisadr, que actualmente expón a súa obra neste mesmo centro cultural. A conferencia, sobre a súa experiencia vital e profesional como artista muller iraní no marco da arte contemporánea, foi posta en marcha coa colaboración da galería luguesa About Art e da francesa 55 Bellechasse Paris & Miami, enmárcase dentro do programación cultural do Concello de Lugo e abre ademais as actividades de cara a conmemorar o Día Internacional da Muller. A entrada é libre ata completar aforo.
A conferencia vaise desenvolver na contorna da exposición titulada Brave, comisariada por María Díaz de About Art, que se atopa a día de hoxe na zona de celas de mulleres. Irán, París, Lugo está formada por distintas series fotográficas, un total de 35, entre as que destacan unha selección de imaxes inéditas relacionadas coas mulleres iranianas encarceadas en Teherán despois de manifestarse nas rúas da cidade no ano 2009.
Baixo o título de Arte, desafío e cultura, Banisadr versará a súa charla sobre a experiencia dende os seus primeiros traballos artísticos que foron censurados ata os desenvovlidos actualmente no seu exilio en Francia, recorrendo o mundo coa súa arte.
Ademais, a artista falará sobre o seu compromiso coa muller e a súa visitón da mesma no ámbito da arte contemporánea, sempre desde unha perspectiva de compromiso social e gran actualidade.