Como membro dunha sociedade democrática, con poderes básicos, forzas executoras, leis que marcan reglas de xogo, presunta igualdade de oportunidades e plena integración en Europa, calquera de nós corre perigo de pechar os ollos e coidar que vive nun mundo camiño da perfección. E se tivemos familia estruturada e comprensiva, recibimos formación, integrámonos socialmente, e camiñamos nunha determinada dirección non conflitiva, podemos pensar que quen non é feliz é porque non quere.
Participo nunha xuntanza da Pastoral Penitenciaria da zona da Terra Chá, e quedo abraiado, inquedo, preocupado. Porque fálase de presos e presas – que poderían ser amigos, veciños ou parentes – produto de desarraigo, de falta de educación e de oportunidades, de violencia, de pobreza, de esquecemento. Fálase de xente que nin ten onde ir nin pode moverse, que aprecia unha visita coma un tesouro; que están sós, desvalidos, desorientados, anulados; pechados nun mundo aparte como solución menos mala para arredar da sociedade aos que non encaixan nun normal comportamento colectivo.
Entendo que as institucións penitenciarias non poden abrirse á sociedade, por ser mundos distintos, e que os vasos comunicantes existentes non poden ir máis aló do testemuñal, caritativo e humano, pero as persoas que alí acoden para falar e escoitar, recibir e transmitir, son versos soltos dun conxunto que non pode -non podemos – pechar ollos e oídos a unha parte de nós que non encaixa, moitos non encaixaron nunca, nun xeito de vivir con valores moitas veces discutibles, e con oportunidades moi desiguais. Cómpre pensar no cárcere como problema e non como solución.