A campaña Outono Gastronómico que promove a Xunta iniciará unha nova edición o vindeiro 16 de setembro coa participación de 19 establecementos de turismo rural da provincia de Lugo. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, visitou hoxe o autobús promocional na praza Horta do Seminario da capital luguesa, onde explicou que a iniciativa prolongarase ata o 18 de decembro e conta cun total de 73 negocios adheridos nas catro provincias.
As casas rurais colaboradoras ofrecerán dous menús diferentes deseñados especificamente para a campaña, que levarán na súa composición produtos galegos con certificación de calidade -Denominación de Orixe (DO), Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou produción ecolóxica certificada-.
Os usuarios teñen a opción de elixir entre seis paquetes distintos, que poden limitarse a unha comida ou incluír estancias e mesmo actividades como roteiros, acceso a adegas e balnearios ou xogos de escape room.
Nove dos locais lucenses participantes están na Zona Sur, repartidos polos concellos de Taboada, O Courel, O Saviñao, A Pobra do Brollón, Pantón, Quiroga e Sober. Tamén hai tres na Mariña -nos municipios de Foz, Trabada e Lourenzá – e os restantes pertencen a Castroverde, Lugo, Cervantes, O Corgo, Monterroso, As Nogais e Sarria.
As persoas interesadas en coñecer todos os detalles poden informarse a través da páxina web de Turismode Galicia, na que hai un apartado específico dedicado ao Outono Gastronómico, que este ano Arias destacou a importancia da gastronomía na oferta turística da provincia de Lugo e subliñou que con este tipo de iniciativas a Xunta quere contribuír a “divulgar a potencialidade dos destinos rurais e xerar actividade fóra da tempada alta”.