Hoxe ás catro e media da tarde celebrábase o acto civil na honra de Xesús Arrizado Yañez (Suso) tristemente falecido onte mércores.
Suso foi un exemplo para todos os que o coñecemos, en primeiro lugar, pola súa valía persoal, da que deixou a súa impronta nos lugares por onde pasou e tamén pola súa entrega a causas sociais e políticas nas que destacou dende moi novo polo seu traballo e compromiso.
Non foi Suso un home que se arredara diante das dificultades e así o amosou sempre que foi necesario. Foi un loitador tanto no plano persoal como no colectivo e nomeadamente no ámbito da defensa da nosa terra e dos seus dereitos políticos como militante nacionalista. Tamén o foi na reivindicación dos dereitos dos traballadores onde estivo batallando ata o fin.
A historia de Suso afonde a súas raíces na loita contra a ditadura franquista, onde demostrou a súa valentía e, paralelamente, na organización dos primeiros movementos obreiros nacionalistas, cando a represión exercida polo réxime podía levarte á cadea ou mesmo á desaparición física, pero para el iso non era un problema, o seu compromiso e a súa palabra estaban por riba de calquera continxencia que puidera xurdir.
E isto, como dicía, demostrouno dende moi novo, sirva como exemplo os comezos na política e no movemento sindical que xa destacamos, ata a saída do Forga. Para el a loita e o compromiso a prol dos traballadores continuou ata onte. E mantivo,durante toda a vída, o seu ideario político e sindical en rumbo fixo, o cal non mudou, mesmo dende o posto no que traballou estes derradeiros anos na Deputación de Lugo.
En paz estea, este si, bo e xeneroso.