Noite electoral

As primeiras xornadas electorais da democracia resultaron inesquecibles para os que as vivíamos desde os medios informativos e contabamos o que acontecía naqueles días de “viño e rosas” que a liberdade permitía. Alfombrábanse as rúas con panfletos, pegábanse carteis con entusiasmo de novicios, os altofalantes enchían as rúas. As campañas eran intensas, boca a oído, porta a porta. Europa aínda era unha quimera. Nacían e renacían partidos. Algúns candidatos, mantiñan o “don” antes do nome.

As noites electorais na radio eran festas con programas especiais, compañeiros nas sedes dos partidos e todos os teléfonos (fixos) soando sen parar. Non había sondaxes feitas polas rúas e, pechadas as urnas, as actas dos centos de colexios electorais ían chegando unha a unha ao Goberno civil que centralizaba o reconto. Chegaban visitantes amigos para a tertulia na longa espera, cada vez máis expectante segundo avanzaba o reconto. E ás tres ou catro da mañá, exhaustos, poñíamos fin á longa espera sen que tivesen chegado os resultados dos lugares máis illados.

Este domingo votábase Europa; votamos os que votamos. E se ao peche dos colexios se nos ofreceron enquisas que case cravaron os resultados, houbo que agardar tres horas a que pechasen os colexios italianos, para que os nosos votos non interferisen nas súas decisións. Tralo repentino resultado oficial, acabouse a expectación, cada quen analizou o resultado, e agás os que non sacaron nada, todos contentos; respiraron tranquilos. A técnica reduce incertezas e misterios. Agora, a incógnita do resultado nin sequera emociona aos que se xogan nel a facenda e a vida.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com