“Non debemos esquecer figuras como o alcalde Angel López Pérez, que tan fonda pegada deixou en Lugo”

A Alcaldesa de Lugo presentou onte, nun ateigado Salón de Plenos na Casa Consistorial, o libro La Mosca Blanca, obra de Julio Reboredo Pazos sobre o alcalde Ángel López Pérez e sobre o Lugo que deseñou e impulsou no primeiro terzo do século XX. “A edición desta obra era unha obriga para o Concello e, para min, como alcaldesa, é un orgullo activar este recoñecemento porque os e as lucenses non deberíamos esquecer ás figuras que desenvolveron un entusiasta e apaixonado labor en favor da veciñanza e que deixaron tan fonda pegada no municipio”, destacou.

A rexedora estivo acompañada do exalcalde José López Orozco, autor do prólogo do libro – que firman todos os primeros mandatarios da democracia – e da presenza do propio Angel López, xa que o seu retrato, que pintou a lucense Xulia Minguillón, presidiu o acto.

A alcaldesa destacou que con Angel López, Lugo entrou na modernidade, con proxectos como o Hospital de Santa María ou o Parque de Rosalía, pero tamén “foi un mandatario que revolucionou as formas de goberno. “Foi valente e decidido, e moi querido”, incidiu, e engadiu que “a obra de Julio Reboredo, amena, interesantísima e moi ben documentada, nos axuda a contextualizar a súas decisións pero tamén nos aporta unha visión da época nas que se tomaron e  de como era a sociedade lucense”.

O libro, editado polo Concello de Lugo, detalla tamén as relacións de López Pérez cos distintos grupos sociais e de influencia da cidade e traslada un relato de como era a vida cotiá nun Lugo cunha intensa actividade empresarial, obreira, cultural e de ocio. 

López Orozco, pola súa banda, eloxiou o traballo de López Angel Pérez, trasladou a súa admiración por el e lembrou todo o cariño co que o lembra a cidade, mentres que o autor da obra, Julio Reboredo, que agradeceu o interese e total colaboración da alcaldesa “desde o primeiro momento para que este ambicioso proxecto vira a luz”, realizou un repaso das transformacións máis significativas impulsadas pola Mosca Blanca así como da situación social e económica do seu mandato.

Acudiron tamén á presentación como convidados o rexedor Tomás Notario Vacas e numerosos veciños da cidade.

 Julio Reboredo Pazos é licenciado en Historia, especialidade de Historia Contemporánea, catedrático de ensinanza secundaria, fino narrador, articulista e experto documentalista.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com