Nova edición da campaña “Dálle luz á túa factura”

A nova edición da campaña ‘Dálle luz á túa factura’, unha iniciativa coa que a Xunta busca achegar aos consumidores galegos consellos útiles para reducir o gasto en electricidade, bota a andar por cuarto ano consecutivo.

Impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega, o obxectivo desta campaña divulgativa é dar a coñecer as principais recomendacións para aforrar no consumo de luz e facilitar a comprensión da factura eléctrica. Elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada, valorar a discriminación horaria, ou mesmo saber como proceder á hora de presentar unha reclamación, son algúns dos aspectos que abordará esta iniciativa.

‘Dálle luz á túa factura’ chegará nos vindeiros meses a diferentes concellos galegos nos cales se realizarán xornadas informativas para asesorar aos consumidores neste tipo de cuestións. Ademais, como novidade este ano, instalarase un expositor promocional que percorrerá as principais vilas de Galicia para que as persoas interesadas poidan achegarse e consultar polo miúdo calquera cuestión ao respecto.

A partir de agora, o mércores 23 de agosto estará situado na praza Maior de Lugo onde, pola tarde, o centro cultural O Vello Cárcere acollera unha reunión informativa para quen queira coñecer recomendacións prácticas coas que aforrar no consumo de luz.

Outra das novidades que presenta esta edición é que esta iniciativa estará presente, tamén, en 15 feiras sectoriais que se celebrarán en Galicia no que queda de ano. A primeira, a Feira de Monterroso, que terá lugar o próximo 1 de setembro.

Xunto con isto, para que os consumidores poidan consultar as súas dúbidas, segue en marcha o teléfono gratuíto 900 907 723, así como a páxina de facebook ‘Dálle luz á túa factura’, que complementan o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com