Nova edición dos Sábados +XTi

O Concello de Lugo pon en marcha unha nova edición dos Sábados +XTi, unha proposta que combina ocio, deporte, creatividade e sensibilización social, destinada á mocidade lucense de entre 12 e 30 anos.

Durante os meses de abril, maio, xuño e xullo, diferentes espazos da cidade acollerán un amplo abano de actividades pensadas para fomentar hábitos saudables, favorecer a creatividade e ofrecer alternativas de lecer en contornas seguras. A programación arrancará o venres 11 de abril cunha sesión de expresión artística, dramatización e xogos alternativos no Centro Cultural Uxío Novoneyra, e continuará o sábado 12 de abril con xogos tradicionais no parque Rosalía de Castro.

A actividade desenvolverase todos os sábados ata o 26 de xullo, en horario de 16:30 a 21:30 horas, en espazos como o CC Uxío Novoneyra, o Parque Rosalía de Castro, o campo universitario de rugby, a ponte romana, o parque de Saamasas ou o paseo fluvial do Miño, entre outros. En caso de choiva, as actividades ao aire libre serán substituídas por propostas alternativas no Uxío Novoneyra.

O programa inclúe xogos tradicionais, xincanas, escape rooms, obradoiros de cociña saudable, actividades deportivas como rugby, flag football, slackline ou street work-out, música, pintura creativa, fotografía con smartphone, rastrexos, rutas de interpretación, laser tag ou unha festa saudable como colofón final.

A actividade estará dirixida por persoal especializado e monitores titulados, garantindo así un espazo seguro e dinámico onde a mocidade poida gozar do seu tempo de lecer de maneira saudable. A participación é totalmente gratuíta, e a inscrición realizarase cada día no propio espazo de celebración, seguindo unha orde de chegada ata completar as 30 prazas dispoñibles por xornada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com