Logo do fracaso do primeiro intento por parte da concelleira de Cultura de licitar as casetas e os caldeiros de polbo para o San Froilán, ao que só concorrera un licitador, a concellería volve activar de novo o procedemento de licitación para adxudicar as casetas do polbo “despois de manter diversos contactos co sector, garantindo que estas instalacións volvan estar presentes no San Froilán 2022 despois de dous anos de parón producidos polas distintas restricións sanitarias derivadas da crise da COVID-19”.
No novo prego, os orzamentos base de licitación saen a concurso cun mínimo de 9.824,50€ para a caseta 1, 8.842,05€ para a caseta 2 e 8.187,08€ para as 3 e 4. Os caldeiros saíron a concurso cun orzamento base de 6.178,93€ o número 1, 5.561,04€ o número 2 e 5.149,11€ os números 3 e 4, o que supón unha rebaixa próxima ao 50% do prezo orixinal de licitación, seguindo o marcado na normativa fiscal do Concello de Lugo.
Por iniciativa da área de Cultura, a comisión de festas aprobou a manter dos produtos das casetas, mantendo os mesmos prezos que no 2016. Deste xeito, as persoas que visiten as casetas do polbo poderán consumir cada ración de polbo (250g) a 12€, a ración de pan e de cachelos (200g) a 1,50€ e a botella de viño (3/4l) a 6€.
As empresas do sector da hostalería terán ata o 6 de setembro para presentar as súas ofertas, e poderán realizar a actividade entre o 1 de outubro e o 1 de novembro.