A defensa dos valores paisaxísticos, ambientais e patrimoniais da Serra do Oribio (ou do Iribio), e a exixencia de que se paralice definitivamente o parque eólico que impulsa no alto destes montes desde hai máis dunha década a empresa Fergo Galicia Vento, volveu xuntar este pasado sábado 6 de xullo veciñas e veciños e diversos colectivos ecoloxistas nunha mobilización que, como a de hai dúas semanas, comezou pasado o mediodía diante da Casa do Concello de Samos, primeiro, e diante da Casa do Concello de Triacastela media hora máis tarde.
A nova xornada lúdico-reivindicativa, organizada pola A.C. O Iribio, contou co apoio de ADEGA, así como da Plataforma Sarria polo Río, Equo Galicia, Plataforma Galega de Defensa Animal, Anonymus Lugo e Lugo Animal Save. Á mobilización acudiu tamén xente procedente doutras comarcas galegas, como Bergantiños, Compostela ou a Costa da Morte, onde outros proxectos eólicos tamén ameazan paisaxe, medio natural e patrimonio.
Veciñanza e colectivos presentes na mobilización do pasado sábado coinciden, de novo, en “exixir da Xunta de Galiza acceso a toda a información solicitada arredor da reactivación dos trámites para a instalación dun parque eólico que é considerado como radicalmente incompatíbel cos valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos dun espazo, a Serra do Oribio, catalogado como Lugar de Interese Comunitario e Zona de Especial Conservación dos Valores Naturais, parte da Rede Natura 2000 e da ZEC Ancares – Courel e, así mesmo, comprendida no proxecto de Reserva da Biosfera Ribeira Sacra – Courel e no Plan de recuperación do oso pardo cantábrico”.