Nova vitoria do CD Lugo que se coloca líder provisional de Segunda División

Magnífico partido dos de Luís César o desta tarde no Anxo Carro. Enfrontábanse o RCD Mallorca que arrincaba moi ben cando, Brandon aproveitaba un erro defensivo dos locais, e nun saque de esquina facía o primeiro da tarde para o Mallorca. Co marcador en contra o CD Lugo reaccionou con velocidade ao golpe, e dispuxo todo o necesario para retomar a iniciativa no xogo, dominando a un rival que se vía superado polo xogo combinativo dos de Luís César. Tras varios minutos de tentativas e achegamentos perigosos, sería Carlos Pita quen, tras recoller un rexeite na área, colocaba con calidade o seu disparo con perna esquerda na base do poste, facendo inútil a estirada dun Cabrero que vía como o empate subía ao marcador.

Os de Luís César mandaban no partido, xerando moito fútbol a partir da saída desde campo propio, e obrigando ao rival a un exercicio de presión infrutuoso, e que terminaba por encerrar ao bloque na súa metade. Tras dúas ocasións, unha para cada equipo, en botas de Joselu e Moutinho, o partido volvía entrar nunha nova fase decisiva que ía determinar a vantaxe do CD Lugo sobre o seu rival. Aproveitando unha rápida saída, Pedraza rompía en velocidade por carrís interiores, avanzando sen oposición cara aos dominios de Cabrero, e cedendo para a chegada de Joselu que, por baixo, batía ao meta visitante con precisión e calidade.

Coa vantaxe no marcador para o Lugo, a primeira metade pechábase con dúas grandes intervencións de José Juan, a remates de Brandon e Lago Junior; o gardameta evitaba con reflexos a igualada.

A segunda parte comezaba cun RCD Mallorca máis correúdo e intenso, as dificultades para a transición e o crecemento ordenado con balón aumentaban para o CD Lugo. A pesar diso, o control da posesión e a iniciativa seguía de parte dos albivermellos e de novo, sería Joselu o compás para atopar o gol. Rápido e preciso, o punta conectaba unha tesoira de manual tras envío cruzado, conseguindo o terceiro da tarde para os locais, e aumentando a vantaxe no tramo final de encontro.

Remataba o encontro co resultado de 3-1 e cun CD Lugo que segue no alto da táboa e que suma tres puntos importantes na casa.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com